Skip to content
noiesa_logo-negativo@2x

Santiago de Compostela  •  Cambados

Somos
Somos unha casa de comidas e nos atopamos en Santiago de Compostela e Cambados; unha casa de comidas, si, nin máis nin menos. Unha casa de comidas galega, das de toda a vida, das de sempre. Desas onde (ou cando menos así o procuramos) a xente saborea, departe e desfruta como se estivese… na casa.

Por iso, practicamos unha cociña tradicional e natural; caseira, si; a da Galicia de toda a vida, a de sempre, nin máis nin menos. Porque aquí, non gardamos segredos entre os fogóns, senón que os compartimos. Porque para nós (ou cando menos así o procuramos), os nosos pratos non só acubillan os sabores dos recordos, senón que tamén nos valen para, dalgún xeito, expresar a cultura gastronómica que nos é propia; dar conta (e contar) da nosa secular tradición culinaria; relatar (e retratar) o noso coidadoso trato á materia prima; e invocar (e evocar) o froito do noso mar, do noso campo e da nosa horta.

E precisamente por iso (ou cando menos así o procuramos), creamos un espazo diferente, acolledor, agradable e familiar. Na atmosfera e no trato, si; igual que nas casas de comida galegas de toda a vida, nin máis nin menos. Desas onde convivimos os de sempre e os novos, os que quedan e os que marchan, os que veñen e os que van. Un punto de encontro para compartir sabores, mesa e mantel, si; pero tamén conversas, experiencias e mesmo… emocións.
Cociña
E como en calquera casa galega, a nosa cociña comeza antes de entrar na cociña. Comeza, claro, no produto: fresco e de proximidade, tradicional e de tempada. Nel nos atopamos e a el nos debemos. Por iso o tratamos como sempre se fixo en Galicia: con respecto e agarimo; con sosego e calma. Porque, como en calquera casa galega, a nosa cociña onde realmente comeza é no mercado.

Por iso traballamos con produtores locais cos que compartimos os mesmos valores: o coidado da materia prima, a tradición natural no cultivo, as artes respectuosas na pesca, o esmero na cría gandeira. E, por iso mesmo imos alí onde, non só están os mellores produtos, senón tamén onde atopamos aqueles que nos permiten trasladar ao prato o mellor da nosa cultura gastronómica: os peixes e mariscos das rías, as carnes premium das explotacións gandeiras, as verduras e hortalizas cultivadas a man, os ovos de galiñas criadas en liberdade… Ou dito doutro xeito: o berberecho de Noia, a pataca de Coristanco, a faba de Lourenzá,…

E como nun regreso ao ventre materno (ao da nosa matriarca, a muller de Noia da que aprendemos; pero dalgún xeito, ao da nosa terra, da que herdamos), cociñamos. Con elaboracións tradicionais, con sabores recoñecibles, con pratos que rememoran… Nunha carta sinxela, pero coidada e, como se fai na casa, coas homenaxes que merecemos cando un produto estrela se presta no mercado. Pero, tanto para unha cousa como para a outra, dedicando tempo aos adobos, calor ás guarnicións, emoción aos ingredientes principais. E todo (e sempre), a lume lento. Como así se fixo sempre na casa, como así se fixo sempre en Galicia.
Espazo
Somos un negocio familiar, nótasenos e non pretendemos ser outra cousa. De aí que quixeramos crear un espazo tan acolledor como familiar tamén para quen nos visita. Un lugar onde a madeira de artesán, a vaixela sinxela e a tixola tradicional formen parte tamén do compartido. Un sitio onde se estea cómodo e non requira dun protocolo especial. Unha casa de comidas, en Compostela, onde realmente se coma como na casa e onde realmente se estea como na casa.

Por iso, tratamos aos nosos clientes con familiaridade, coa atención que precisan, pero a cordialidade que, entendemos, nos une. Para nós é unha maneira máis de compartir un xeito de entender a cociña tradicional galega. Pódesenos ver nos fogóns, no colmado aberto e na propia mesa. E nós vemos o saúdo entre uns e outros, a conversa na barra e o sorriso de “ata a seguinte” na saída. E isto é o que verdadeiramente nos fai baixar a reixa con satisfacción cada noite.

E así procuramos dotar A Noiesa de vida propia e singular microclima. Un espazo onde nos xuntamos os de aquí e os de alí, os que estamos e os que veñen, os que permanecemos e os que pasan. Contemplando ás veces, con orgullo contido, como dun xeito natural son os que están os que acaban explicándolles directamente aos que chegan como é e que é… isto da cociña galega de sempre… Así, como non podía ser doutro xeito no epicentro do casco vello compostelán; así, como non podía ser doutro xeito na cidade que xunta todos os camiños e acolle todas as procedencias.

A nosa carta

de producto local e de calidade

Proxecto financiado pola Xunta de Galicia. Consellería de Cultura. Turismo de Galicia. Axencia Turismo de Galicia

Recurso 3@600xmen
Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos y para mostrarte publicidad relacionada con tus preferencias en base a un perfil elaborado a partir de tus hábitos de navegación. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Más información
Privacidad